Publicacións

O traballo de sensibilización de Implicadas/os no Desenvolvemento inclúe tamén a edición e publicación de materiais divulgativos coma axendas ou libros. Se queres mercar algunha das publicacións podes solicitalo a través do mail info@implicadas.com

axenda2015A Axenda do Desenvolvemento é xa un dos materiais que se vinculan a Implicadas e que axuda, ao tempo que cumpre a función que lle é propia, a difundir mensaxes de carácter solidario e a reflexionar sobre situacións de inxustiza, de desigualdade e tamén de esperanza. A axenda xorde dunha idea novidosa e única en Galicia da man de Implicadas no Desenvolvemento, que consiste en elaborar un material informador e sensibilizador (sobre as desigualdades norte-sur e de xénero e sobre o traballo de Implicadas) que ata o ano 2005 non existía no país, co obxectivo de recadar fondos para os nosos proxectos.

A axenda edítase todos os anos abordando unha temática diferente. Prezo: 10€

 a miña luzada iluminaranos a todas

«A nosa luzada iluminaranos a todas” é un verso dun poema de Uma Rani, unha das autoras deste volume que recolle os textos de 16 mulleres que participaron nos obradoiros de escrita realizados en Galicia e en Támil Nadu por Implicadas no Desenvolvemento, ademais das ilustracións de 3 colaboradoras.

Estes textos dan a palabra escrita, nalgúns casos por primeira vez, a quen precisa urxentemente tela para rematar coas escuridades que tecen as explotacións. As súas palabras son luzada que nos ilumina para explorar e explorarnos.

Prezo: 10 €

1355749121 (1)Nesta obra de divulgación recóllense sete artigos nos que as súas autoras nos falan do xénero dende diferentes esferas: María Reimóndez, fundadora de Implicadas no Desenvolvemento, presentará o enfoque de traballo da organización dende o punto de vista do xénero e as bases filosóficas e teóricas que han de establecerse sobre o xénero en cooperación. Vanessa Sáiz de Echezarreta fálanos da utilización da imaxe das mulleres do Sur. Da conexións entre o xénero, o Norte e o Sur atopamos  o artigo de Lidia Senra sobre dependencia alimentar e os efectos desta sobre as labregas nunha análise sobre o panorama internacional no que contextualiza a situación da Galiza. A Dra. N. Manimekalai presenta un estudo das condicións de vida das traballadoras do sector téxtil en Támil Nadu (India), deixando ver as interrelacións entre o agro, a industria e a explotación das mulleres do Sur. A coordinadora do proxecto de erradicación do infanticidio feminino en Salem, Sheela e a directora de OPRIFS, Zinash Bezabih, mostran o traballo de Implicadas coas súas contrapartes nos países do Sur. Complementando este percorrido atopamos o artigo de Mohammed Hussein, que analiza o cambio de papeis de xénero entre os homes de Mersa, en Etiopía, a raíz da intervención posta en marcha entre Implicadas e WSA. Prezo: 10 €

as que rubimos montañasÉ un libro solidario promovido por Implicadas/os no Desenvolvemento que recolle poemas de autoras etíopes (Yemoddish Bekele, Mihret Kebede, Tigist Mitiku, Misrak Tefere, Azeb Yosef, Abebech Diriba) e galegas (María Reimóndez, Antía Otero, Lucía Aldao, Estíbaliz Espinosa, Marga do Val, María Lado, María do Cebreiro).

«As que rubimos montañas, as poetas etíopes e galegas, atopamos igualmente abondos estereotipos que superar. Etiopía, no imaxinario occidental, resúmese nunha única palabra: fame. Nada hai debaixo diso para os nosos ollos, nin unha cultura milenaria, nin a convivencia relixiosa, nin o orgullo de non ser un pobo colonizado, nin os altibaixos e ditaduras dos séculos XX e XXI. Fame. E con iso resumimos a nosa (inexistente) relación co país. Nada hai inscrito nesa concepción sobre as mulleres que cada día fan esforzos inmensos por transformar, nun silencio sepulcral creado por todas e todos nós, as súas sociedades e as súas comunidades. Este poemario pretende achegar a multiplicidade de facianas das mulleres etíopes, coas súas diversas linguas, crenzas, situacións e traballos. Porque as que rubimos montañas cargamos con fardos pesados en todas as sociedades e cómpre esa man tendida nos dous sentidos para poder deixar a carga e respirar o aire fresco dos cumios, todas a unha.»

É un libro e CD que rvanakkam benvidasecolle poemas de autoras tamiles (Andal, Kutti Revathi, Malathi Maithri, Salma e Sukirtharani) e galegas (Marilar Aleixandre, Yolanda Castaño, Marta Dacosta, María do Carme Kruckenberg, Yolanda López, Chus Pato e María Reimóndez).

Para Implicadas no Desenvolvemento este libro resume en forma de poesía unha maneira de traballar para cambiar o mundo na que nos levamos esforzando xa durante máis de dez anos. En todo este tempo, son moitas as pontes e as vías de acción que levamos establecidas, pero se dúas cousas nos caracterizan ademais especialmente son o noso compromiso de xénero e o noso afán por implicar a cultura neste proceso como parte fundamental do cambio. As poetas tamiles que participan neste libro son tamén unha voz que racha cos estereotipos occidentais sobre “a muller india”. Son voces rotundas, libres e liberadoras que ao poñerse en harmonía coas nosas poetas galegas fan que o berro transcenda as fronteiras nun auténtico afán de sonoridade. Prezo: 10 €

o son das buguinasO son das buguinas xermolouse como unha das respostas de Implicadas/os no Desenvolvemento á tsunami do 26 de decembro de 2004 que provocou a morte de máis de 300.000 persoas na India e noutros países de Asia. O DVD que acompaña ao libro, preparado por Francisco Vila Barros, inclúe un documental sobre o labor de Implicadas en Tiruchy (India ) e Abdis Abeba (Etiopía), unha película de animación sobre o labor das ONG e as políticas de voluntariado e cooperación, un documental sobre a tsunami e un xogo interactivo. A obra inclúe sete contos que nos achegan á realidade de persoas diferentes partes do mundo.

Os autores dos relatos son: Marilar Aleixandre, An Alfaya, Fran Alonso, Rosa Aneiros, Agustín Fernández Paz, María Reimóndez Meilán, Dolores Ruiz. As ilustracións son de Xulia Barros. Prezo: 10 €

 

 

 

 

 

Leave a Comment

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche no enlace para maior información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies