É o momento de SUMAR Posted agosto 30, 2016 by Implicadas

0

Implicadas no Desenvolvemento é unha organización feminista de cooperación ao desenvolvemento que leva case vinte anos creando un espazo único en Galicia: aquel que combina a transformación do pensamento (neo)colonial aquí coa acción de transformación autónoma e sustentable no Sur. Estes case vinte anos de traballo ininterrompido levaron á creación de numerosas iniciativas que se prolongan no tempo (o festival IMPLÍCATE, a carreira Corre con Implicadas, a Andaina Dá o paso ou a Escola feminista), que se complementan ao longo do ano co traballo incansable das nosas activistas que permiten que organicemos exposicións, proxeccións, lecturas e debates.

Malia todo este traballo, a base asociativa de Implicadas leva estancada en aproximadamente 180 socias dende hai máis de tres anos. Nun momento no que a nosa mensaxe crítica, feminista e activista semella máis relevante ca nunca, a nosa organización pasa polo seu momento económico máis complicado. A pesar de que hai xa anos que a organización é sustentable no seu traballo coas compañeiras do Sur (cuberto na súa integridade coas contribucións das nosas socias e socios), a redución brutal de orzamento da Xunta de Galicia nos últimos anos fai que con frecuencia, coma este ano, os proxectos de educación para o desenvolvemento ou fortalecemento da organización, que son os que nos permiten manter unha estrutura moi reducida pero necesaria neste momento (un local e unha traballadora a tempo parcial), sexan aprobados pero non financiados por “falta de crédito” (os resultados -9 proxectos financiados de 27- da única convocatoria deste ano para actividades en Galicia poden verse aquí). Por desgraza, a reacción pública ante os problemas da cooperación ao desenvolvemento semella ser mínima, educadas como estamos a entender que a cooperación é un “dar do que nos sobra” e non un exercicio de responsabilidade mutua entre as sociedades civís do Norte e do Sur; o único exercicio, por certo, que é quen de enfrontarse, cando se realiza dende unha conciencia crítica e non de caridade, ás “crises” que nos afectan a todas e que nos lembra, iso si, que non todas nos vemos afectadas por igual.

A inexistencia doutras fontes de financiamento estables, sobre todo as públicas que teñen a obriga de redistribuír a recadación tributaria da cidadanía, fai que cada día facer viable unha organización como Implicadas resulte máis complexo. Mais nosoutras, lonxe de desanimarnos, pensamos que somos máis necesarias ca nunca, e que hai moitas persoas que nos coñecen, nos valoran e nos acompañan pero sen dar o paso de facerse socias. Se ben a situación é crítica, vémola coma unha oportunidade para poñer máis e mellor en valor o traballo que facemos. De facer un chamamento á cidadanía para que nos coñeza e nos apoie de formas sinxelas pero fundamentais.

Coñecernos agora é moi doado grazas á aplicación SUMA, que amosa con claridade e de xeito lúdico os nosos principios e traballo.

Facerse socia/o é aínda máis doado, cunha cota que cada quen pode axustar ás súas posibilidades (dicimos orientativamente 12 € ao mes pero cada quen decide a súa), porque cada euro importa.

Colaborando co que cada quen sabe facer, co seu tempo, coas súas ideas, redes e recursos a que cheguemos a máis persoas. (Podedes contactar con nós enviando un mail a voluntariado@implicadas.com)

Todas as persoas que conformamos Implicadas estamos orgullosas e convencidas do traballo que fai a organización. Queremos compartilo, amplialo e facer que continúe no tempo.

Agora é o momento de SUMAR.

Todas as ideas e todas as mans son benvidas para manter vivo este espazo crítico que é Implicadas, este país de noso que construímos, coas compañeiras do Sur, para transformar e transformarnos no grande e no pequeno cada día, dende hai case vinte anos.

Leave a Comment

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche no enlace para maior información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies