Implícate… e SUMA! Posted enero 5, 2016 by Implicadas

0

O Teatro Principal de Santiago de Compostela será de novo o escenario sobre o que se celebrará este festival de música, danza, poesía e teatro. O Implícate! 2016 presentarase nunha rolda de prensa o vindeiro xoves día 7 de xaneiro, no Concello de Santiago de Compostela, nun acto que contará coa presenza de Branca Novoneyra, Yolanda Castaño e Susana Sánchez Aríns. O festival terá lugar o día 10 de xaneiro ás 20.30 horas e as entradas están á venda aquí. Para aquelas persoas ás que non lles sexa posible asistir pero desexen facer a súa achega, habilitouse unha fila 0, cuxas entradas se poden mercar nesta ligazón; e aínda que facilitaremos ás persoas asistentes un código QR dende o que o poderán descargar, tamén poñemos á vosa disposición o programa da noite solidaria dende esta ligazón.

Despois de xa case 20 anos traballando a reo, tanto dende Galicia como na India e Etiopía, en Implicadas somos conscientes da necesidade de que este traballo teña unha maior visibilidade entre a sociedade galega, así como unha maior implicación por parte dos sectores activos da mesma. Para nós, a sensibilización e o compromiso da sociedade galega son o único garante da erradicación da pobreza.

Por iso hai xa once anos consideramos que cumpría abrir o noso traballo feito desde Galicia cara ao mundo a través dunha noite solidaria, que se afastase claramente das «galas benéficas» do Nadal, centradas en recadar fondos e se centrase en difundir o traballo da cooperación que a nosa organización fai desde Galicia, e en sensibilizar e implicar á cidadanía. A nosa intención é a de converter a capital de Galicia no marco dunha noite que dea cabida a artistas galegas/os do máximo nivel nas máis diversas disciplinas, aberta a todo tipo de público da cidade. Sobre as táboas do Teatro Principal pasaron as mellores representantes da nosa cultura, e cada ano descubrimos tesouros tanto de talento como de compromiso que levan a que se poidan xestar proxectos máis complexos da nosa organización, dende o intercambio con bailarinas e bailaríns de Etiopía e Támil Nadu, a publicación de autoras támiles en lingua galega, pasando por intercambios teatrais. O Implícate! consolidouse xa como un evento artístico e solidario de primeira orde en Galicia.

Este ano, SUMA!

A temática do Implícate! 2016 estará centrada na nova campaña da organización: SUMA. Esta campaña lanzarémola mediante unha aplicación de móbil coa que pretendemos facer posible que a xente entenda, en termos máis tanxibles, o que a súa colaboración coa organización significa para a transformación das estruturas de explotación Norte-Sur. A aplicación SUMA, que consta de tres partes (SUMA COÑECEMENTO, SUMA TEMPO e SUMA FONDOS) presentarase no IMPLÍCATE e actuará de fío condutor.

 

Implícate 2016, festival de música e palabra solidaria.

Leave a Comment

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche no enlace para maior información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies