Implícate! Festival de música e palabra solidaria

O ‘Implícate! Noite de música e palabra solidaria’ é un festival que organiza Implicadas/os No Desenvolvemento na tempada de Nadal. Trátase dunha cita anual coa cultura e a solidariedade, xa que é un espectáculo no que se intercala música, teatro, danza e literatura, con audiovisuais sobre o traballo que leva a cabo Implicadas no Sur e en Galicia.

implicate 2014

Obxectivos e nacemento do festival:
O obxectivo do ‘Implícate! Noite de música e palabra solidaria’, no que as/os artistas colaboran de xeito desinteresado, é facer un chamamento á solidariedade das galegas e galegos, unindo nesa noite a cultura galega e a solidariedade galega. O propósito principal deste evento é dar a coñecer o traballo desta organización de cooperación ao desenvolvemento, invitar ao público a ver o mundo con outros ollos, a reflexionar, e a cambiar o mundo, dende Galicia, dende a conciencia crítica e a acción clara. Igualmente, os cartos recadados con esta iniciativa destínanse integramente a financiar proxectos de cooperación para o desenvolvemento de Implicadas.

Esta iniciativa lévase a cabo dende o ano 2006 en colaboración co Concello de Santiago, co Teatro do Morcego e con outras organizacións e institucións galegas. Dende o 2007 celébrase sempre no Teatro Principal de Santiago de Compostela e contamos coa colaboración desinteresada dos artistas así como dos presentadores do festival. Como presentadores do Implícate! teñen estado Isabel Blanco, Paco Lodeiro ou Ernesto Chao nas primeiras edicións, e Yolanda Castaño máis Luís Tosar nas máis recentes. Para a poeta Yolanda Castaño, unha das responsables da programación artística do festival, o Implícate! é unha “pluralidade de cores, de estilos e de xéneros creativos nunha noite para aprender, pero tamén para gozar».

Ao longo da noite do Implícate!, o público pode gozar das actuacións dos artistas galegos e coñecer a filosofía de traballo de Implicadas, o tipo de proxectos de cooperación ao desenvolvemento que está a levar a cabo en comunidades do Sur e as actividades de sensibilización e concienciación que realiza no ámbito galego.

yolanda castaño implicatePremio Implicada/o do Ano:
No marco do Implícate! Noite de música e palabra solidaria tamén se entrega un galardón creado no 2008 coincidindo co X aniversario do nacemento da ONG: o Premio Implicada/o do Ano. Con este premio anual Implicadas pretende recoñecer o labor de apoio dunha persoa ou colectivo ao noso traballo ao longo dos anos.

Dende Implicadas consideramos que o cambio do mundo ten que comezar cun compromiso tamén con Galicia, recoñecendo o traballo que dende aquí se fai e activando as forzas vivas do noso pobo, como son as/os nosas/os músicas/os, poetas, artistas e persoas comprometidas e implicadas. Cremos que só cambiando as raíces da pobreza cambiaremos a situación de millóns de persoas, e iso implica cambiar a nosa maneira de vida aquí ao ladiño da casa. Pensamos que os pobos teñen dereito a decidir sobre os seus designios e que as persoas teñen dereito a vivir con dignidade, e por iso traballamos man a man coas organizacións cívicas do sur e coas comunidades empobrecidas para que desenvolvan as súas capacidades. E sabemos que o desenvolvemento da humanidade pasa por erradicar a primeira desigualdade, a de xénero, e por iso no noso traballo queremos dar voz e capacitación ás mulleres para que poidan decidir sobre as súas vidas e para que se respecten os seus dereitos.

Algúns vídeos do ‘Implícate!’:

 .

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche no enlace para maior información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies