O bailarín Aniruddhan Vasudevan visita Galicia Posted mayo 27, 2015 by Implicadas

Off

O bailarín e activista de Chennai (India) Aniruddhan Vasudevan chegará a Galicia nos primeiros días de xuño, nunha visita que realiza da man de Implicadas no Desenvolvemento no marco do proxecto REACTIV_ARTE. Durante a súa estancia en Galicia, Aniruddhan participará en diversos eventos organizados por Implicadas en colaboración con outras institucións e asociacións galegas.

Para comezar, Aniruddhan impartirá un curso de danza Bharatanatyam os días 4, 5, 6 e 7 de xuño nas instalacións do Centro Coreográfico Galego. Tanto o alumnado deste curso como o propio Aniruddhan participarán, o domingo día 7 de xuño, na exhibición de danza Bharatanatyam, que terá lugar ás 20:00 horas no Centro Ágora da Coruña. As entradas terán un prezo de 5 euros, 4 para desempregados, carné xove e maiores de 65. Por outra banda, o día 9 de xuño, na libraría Andel (Vigo), terá lugar unha mesa redonda ás 20:00 horas en colaboración con Nós Mesmas, que contará coa presenza de Raquel Cordeiro como representante da asociación, e de Toni Alonso, de Amnistía Internacional, que actuará como moderador.

Brihannala, Aniruddhan VasudevanAniruddhan, que actualmente realiza un doutorado en Antropoloxía na Universidade de Texas, Austin (EE.UU.), destaca como intérprete de Bharatanatyam, un tipo de danza clásica propia do sur da India. Ten amosado o seu talento en actuacións, aulas e obradoiros, así como a través de colaboracións con outros/as artistas ou ben compoñendo novas pezas. O traballo interpretativo de Aniruddhan adoita identificarse co “Brihannala”, un rol tirado da épica hindú que combina movemento, contacontos, recital e interpretación teatral, e que á vez abrangue unha reflexión sobre mitoloxía, xénero, travestismo e desexo a varios niveis.

Aniruddhan VasudevanA súa formación comezou en 1988 na súa cidade natal, Kumbakonam, da man de Kuttalam M. Selvam na escola de Bharatanatyam Kattumannar Kovil, e máis tarde chegaría a ser alumno do lendario mestre e intérprete Chitra Visweswaran. Entre outros escenarios, Aniruddhan actuou no Festival de cine e escena Queer Eye de San Francisco en agosto do 2011, ou no Centro de Asia do Sur da Universidade de Stanford en novembro de 2014. Ten traballado con compañías de danza como Dakshina/ Daniel Phoenix Singh Dance Company (Washington, DC), Kuchipudi Kalanidi (Maryland), Courtyard Dancers (Philadelphia) ou a Shree School of Dance (Lexington, Kentucky). Nesta última escola, entre o ano 2010 e o 2011, colaborou con Lakshmi Sriraman para crear And She Said… (E ela dixo…), unha obra baseada na poesía támil de mulleres sobre amor e guerra. Finalmente, ten impartido aulas no Barnard College da Universidade de Columbia, en Nova York, canda o coñecido estudoso da danza Uttara Coorlawala.

En decembro de 2013, a prestixiosa editorial Penguin India publicou One Part Woman, a súa tradución ao inglés do novelista támil Perumal Murugan, pola que foi galardoado co Premio de Tradución V.T. Rathnam Translation polo Xardín Literario Támil do Canada, quedando finalista do prestixioso Raymond Crossword Book Award 2014..

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche no enlace para maior información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies