Xa podes descargar a Axenda do Desenvolvemento 2017! Posted diciembre 15, 2016 by Implicadas

0

Axenda do Desenvolvemento 2017 | Implicadas no DesenvolvementoMoitos de vós xa coñecedes a nosa Axenda do Desenvolvemento: ano tras ano, axuda a difundir mensaxes de carácter solidario e a reflexionar sobre situacións de inxustiza, de desigualdade e tamén de esperanza. A Axenda xurdiu dunha idea novidosa e única en Galicia da man de Implicadas no Desenvolvemento, que consistiu en elaborar un material informador e sensibilizador (sobre as desigualdades norte-sur e de xénero e sobre o traballo de Implicadas) que ata o ano 2005 non existía no país, e ata agora, cumpría tamén o obxectivo de recadar fondos para os nosos proxectos. Nesta ocasión e por diferentes motivos, decidimos que a Axenda do 2017 estará dispoñible para a súa descarga gratuita na nosa web.

Como sabedes, cada ano a axenda trata un tema diferente. Na nosa organización entendemos a cooperación ao desenvolvemento como un intercambio coas comunidades coas que traballamos, que enriquece as dúas partes e que pretende, dende a igualdade e o entendemento, conseguir un cambio a nivel global nos ámbitos do xénero, a sanidade, a educación, os dereitos humanos, a economía e tódolos factores que compoñen o desenvolvemento humano perdurable. Para isto levamos a cabo ademais unha intensa actividade de concienciación en Galicia.

Fronte ao asistencialismo, o paternalismo e o colonialismo, proclamamos – no fondo e na forma – solidariedade, irmandade e colaboración.
A Axenda do Desenvolvemento deste vindeiro 2017 céntrase precisamente na Cooperación: que significa, que implica, cales son os principios que a sustentan e os obxectivos que se pretenden acadar a través dela. Con este proxecto pretendemos, non só presentar a nosa visión e alentar valores de cooperación, senón tamén eliminar certos prexuízos que aínda existen neste ámbito. Queremos, ademais, deixar constancia do noso profundo agradecemento a todas aquelas personas que fan posible Implicadas.

Queremos convidarvos non só a descargar a nosa Axenda, senón tamén a compartir este post con todas aquelas persoas ás que poida resultarlles útil e interesante. Aproveitamos este post para, ademais, animarvos a realizar unha doazón á nosa organización a través de Paypal.

Graciñas por colaborar, e bo ano 2017!

Descarga aquí a Axenda do Desenvolvemento 2017

 

Fai unha doazón!


Leave a Comment

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche no enlace para maior información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies