Off

Á volta vacacións teremos o pracer de recibir en Galicia a outra activista que vén directamente de Tamil Nadu, nunha máis das visitas que estamos a a realizar no proxecto REACTIV_ARTE. Trátase de Mangai: pseudónimo literario de Venkataraman Padma, profesora universitaria de lingua inglesa en Chennai (Tamil Nadu, India), e cuxo activo compromiso co teatro támil como actriz, directora e dramaturga cumpre xa case tres décadas. Logrando unha efectiva e vibrante intersección entre as súas facetas académica, activista e creativa, os seus principais campos de interese son o teatro, o xénero e os estudos tradutolóxicos.

Recibiu en dúas ocasións unha bolsa Fulbright: a primeira encamiñada ó seu traballo posdoutoral na Escola Tisch de Interpretación de Nova York (1997-98) e a segunda como lectora na Universidade de California (2004), ambas as dúas arredor do binomio teatro e xénero. Sobre a mesma temática, contextualizada na India, traballou tamén durante a súa bolsa dun mes na Residencia Rockefeller-Bellagio (Italia) en 2009. Antes diso, impartira tamén dous cursos na Universidade en Winchester (Reino Unido), en 1999 e 2000.

MangaiTen dirixido máis de quince obras ata a data, todas elas interpretadas e versadas sobre mulleres, e é tamén autora dun docu-drama baseado na historia feminista de Támil Nadu escrita pola historiadora feminista V. Geetha. Teimando sempre na creación dunha lingua teatral a partir das formas tradicionais de Támil Nadu, Mangai dirixiu –ademais– cinco obras de Inquilab sobre textos támiles clásicos, dado o seu fondo interese na literatura clásica támil dende unha perspectiva contemporánea de xénero, ecoloxía e cultura. Do mesmo xeito concentrada e implicada no teatro comunitario para dar voz ás marxes, o traballo de Mangai coa comunidade transxénero ao longo dos últimos anos contribuíu á formación de Kannadi Kalai Kuzhu, un grupo teatral formado por membros desta comunidade, para quen dirixiu igualmente dúas obras.

Na súa faceta de dramaturga, asinou unha triloxía que é de lectura obrigatoria en varias universidades indias, un monográfico sobre a autora támil Krithika ou o ensaio Acting Up: Gender and Theatre in India 1979 Onwards (Montar o número: xénero e teatro na India de 1979 en diante), entre outras obras.

Tanto no apartado de eventos da nosa web como nas redes sociais de Implicadas iremos informando das actividades programadas durante a visita de Mangai. Permanecede atentos/as!.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche no enlace para maior información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies