Con Thamizhachi na Lila de Lilith Posted abril 18, 2015 by Implicadas

Off

O algodón do meu devezo está
crecido no teu xardín.
Es ti sempre quen decide
o solo, o fertilizante e o rego.
Dende a colleita ata que se transforma
en roupas listas para poñer.

Así comeza A violencia dun sorriso, poema de Thamizhachi Thangapandian, a quen tivemos a oportunidade de escoitar o pasado xoves 9 de abril na Librería Lila de Lilith de Compostela. Os versos, recitados en támil pola propia Thamizhachi e traducidos en vivo por María Reimóndez, explicaron por si sós a escrita, a causa e a vida dunha das voces máis prestixiosas da poética en lingua támil e dunha traballadora incansable a prol da palabra das mulleres.

Thamizhachi regalounos moitos dos seus poemas pero tamén moito da súa loita. Da loita para conseguir o empoderamento da muller rural na India, líderes de facto da súas comunidades pero sen recoñecemento nunha sociedade de castas que as segue a oprimir. A de Thamizhachi é a súa voz: a da muller que reivindica liberdade, que esixe igualdade, que se erixe en líder da súa comunidade. E que o fai no seu idioma.

Introducida pola poeta galega Susana Sánchez Aríns, integrante da plataforma A Sega, Thamizhachi reivindicou a escrita na súa lingua –e duns 50 millóns de persoas no mundo- como unha forma de empoderamento. “Unha das preguntas que máis me fan e máis me molestan é por que escribo en támil. A resposta é evidente: porque o támil e a miña lingua”, asegurou a poeta. Unha decisión consciente e política. Unha actitude de vida que, tal e como relatou a unha Lila de Lilith ateigada de mulleres –especialmente moi novas-, contribúe a dar pequenos pasos cara á transformación da sociedade, visibilizando o papel da muller e dunha lingua que comparten o estigma da discriminación.

Entre as que alí estabamos, o encontro con Thamizachi foi máis que unha charla. Foi un espazo de reafirmación colectiva. Como mulleres, coa nosa lingua e co noso papel.

*O poema A violencia dun sorriso podedes lelo completo aquí.

Texto de Rebeca Fernández e imaxe de Xiana Cid.

.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche no enlace para maior información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies