
O noso penúltimo día comezou cun suculento almorzo típico na casa de Ambal e Manimekalai para coller forzas para o inicio da nosa viaxe de volta a Chennai.
No camiño visitamos o impresionante Templo de Brihadisvara en Thanjavur declarado Patrimonio da Humanidade pola Unesco. Trátase dun Templo hindú dedicado a Shiva e un traballo artístico realizado polos Cholas.
Pola tarde chegamos a Karaikal onde paramos para pasar a noite e onde PDI ten unha oficina que abriu despois da Tsunami de 2004. Despois de instalarnos achegámonos ata a praia e puidemos presenciar o bonito solpor de Karaikal aínda que de novo o Monzón non quixo que a nosa visita se prolongase así que recollémonos axiña e fomos cargar de novo enerxías cunhas suculentas (e picantes) gambas.
O domingo pola mañá antes de partir cara Chennai puidemos reunirnos coa Federación de GAMs de Karaikal cuxas representantes nos contaron que os 34 Grupos de Axuda Mutua que se crearon dentro do programa de cooperación que puxeron en marchar Implicadas e PDI a raíz da Tsunami son os únicos que perviven na zona despois de máis de 10 anos. Unha vez máis isto demostra o traballo ben feito e o loitadoras que son estas mulleres. Ánimo e forzas para todas elas!
Cando unha viaxe é tan enriquecedora os días pasan e non te enteras, por desgraza estamos no final e as emocións saen á luz. Grazas a todo o persoal de PDI por estes fantásticos días e por ensinarnos tantas cousas. Volveremos!
0