
Como xa vos contamos, a finais de 2015 o monzón do norleste que adoita deixar choivas en Támil Nadu rexistrou unha forza inusitada e levou a que se desen as inundacións máis graves dos últimos anos e que afectaron sobre todo a catro distritos: Chennai, Thiruvalloor, Kanchipuram, e Cudallore. People’s Development Initiatives (PDI), a organización compañeira de Implicadas no Desenvolvemento, ante a magnitude deste desastre no que perderon a vida case 300 persoas e houbo innumerables danos materiais e ambientais, decidiu intervir. O pasado mes lanzamos un chamamento de axuda que nos permitiu recadar un total de 827 euros.
Inicialmente identificou Vilava Nagar, un suburbio do distritito de Cuddalore, no 5 de decembro de 2015 pero debido á imposibilidade de cubrir toda a poboación cos fondos recibidos e tras falar coa comunidade e outras organizacións decidiu intervir en Pudhu Kuppam, onde se se podía dar apoio a toda a poboación e evitar crear desigualdades á hora de distribuír a axuda. O día 29 de novembro todo o distrito estaba en máxima alerta ante novas precipitacións fortes na rexión xa inundada. PDI uniuse ao resto de axencias, departamentos do goberno, voluntariado, escolas e ONGs que ofreceron axuda de emerxencia ás moitas persoas afectadas nestes distritos.
Coa colaboración doutras persoas e organizacións, PDI enviou un equipo a avaliar as necesidades das comunidades afectadas no distrito de Cudalore e finalmente chegouse a seleccionar Pudhu Kuppam, unha das aldeas máis afectadas, na cal 120 familias recibiron o apoio que precisaban en forma de elementos de menaxe. Por outra banda, grazas á contribución de VTA, a comunidade solicitou que a contribución de Implicadas se investise en material escolar e 50 nenas e nenos recibiron cadernos, mochilas escolares e outros materiais.
Implicadas aínda recolleu algúns fondos adicionais nos días posteriores a esta entrega e que PDI seguirá distribuíndo nas próximas semanas e dos que daremos debida conta. Aínda que a situación de emerxencia xa queda atrás, as perdas materiais son moitas e as comunidades seguen precisando axuda para poder volver ás súas vidas.
Aquí podedes ler o informe completo elaborado por PDI, no que describe as accións acometidas nas zonas afectadas nas que se está desenvolvendo a súa intervención..
0