
Lenda de muller
(Poema de Thamizhachi Thangapandian, traducido por Mugaiyur Asadha e María Reimóndez)
É o mesmo lugar primitivo.
A mesma vella árbore
baixo a cal naceu como “Eva”…
A árbore baixo a cal lle ensinaron:
a timidez é beleza”, o desexo é pecado.
Predicáronllo
esa folla e aquela froita.
A mesma serpe fica nesa árbore co seu veleno.
Despois de arrincar as ás anxelicais
Eva ocúpase agora de
afiar as longas unllas dos demos.
Era unha vella historia:
ela cos seus mitos
a voltas por dentro do valado
construído con historias rústicas de tempos pretéritos.
Onte a historia era outra.
Ela sangraba en
búnquers e cárceres do exército,
o seu peito enchoupado de sangue.
Mais hoxe,
tras curar as feridas,
esas pulseiras rotas,
e violacións brutais…
emerxeu coma unha nova Eva,
que volve estar de novo no bosque.
É a mesma árbore primitiva.
Mais aquí,
solitaria coma unha Eva renacida,
senta baixo a árbore vanni.
A árbore que lle dá forza para sobrevivir.
Agora, proclama,
non queremos folla nin froita
que vestir ou saborear.
Ao contrario,
somos felices
coa nueza da liberdade!
A árbore ‘vanni’ crece na xungla de Mullaitheevu, ao norte de Sri Lanka, onde tiveron lugar as batallas máis duras entre as forzas nacionalistas támiles e o exército de Sri Lanka.
0