Off

No marco do programa de Erradicación do Infanticidio Feminino en Salem, financiado en exclusiva con fondos procedentes das cotas de socias/os e das actividades organizadas polo voluntariado de Implicadas, desenvolvéronse diversas actividades durante o ano 2014 das cales dá conta o informe anual que publicamos hai poucos días no arquivo da nosa web. O programa é unha iniciativa promovida dende 2007 por Implicadas e a organización támil PDI, en colaboración con numerosos actores locais (goberno, feministas, activistas) co obxectivo de poñer fin ao infanticidio feminino: unha forma de violencia extrema contra as mulleres pola cal unha comunidade admite que se asasinen as nenas acabadas de nacer pola baixa consideración social das mulleres.

O noso programa traballa en catro bloques do distrito de Salem (Omallur, Tharamangalam, Edaipadi e Konganapuram) e incide en aspectos paliativos como o seguimento de mulleres embarazadas, aínda que o seu obxectivo último é contribuír a un cambio nos patróns de xénero que faga inadmisible calquera forma de violencia contra as mulleres. As actividades desenvolvidas para acadar estes fins durante o ano 2014 deixan un balance moi positivo. Por unha banda, deuse apoio a un total de 4.443 mulleres embarazadas e ás súas familias: elaborouse unha lista de mulleres embarazadas, identificouse ás que se atopaban en situación de risco, e realizáronse visitas a estas últimas co obxectivo de establecer un bo nivel de confianza e comezar coas sesións de comunicación interpersoal. Estas sesións, que buscan provocar un cambio de actitude nas mulleres e nas súas familias a través do diálogo, realizáronse tamén durante 18 meses tralo nacemento da crianza, no caso de que se tratara dunha nena, para garantir a súa protección. Neste período realizáronse 45.008 sesións de comunicación interpersoal.

Levouse a cabo tamén a identificación daquelas mulleres e familias afectadas pola presión de ter un varón e que, polo tanto, seguirán precisando asesoramento familiar a cargo das traballadoras especializadas en apoio psicosocial. Este tipo de asesoramento foi recibido este ano por 716 mulleres (a través dun total de 3069 sesións de seguimento). Organizáronse 310 diálogos familiares para tratar conxuntamente con todos os membros da familia a situación. Nas zonas nas que se desenvolveu o programa, asumíronse medidas anticonceptivas permanentes por parte de 161 mulleres (entre elas mesmo 76 que non tiveran ningún varón). Naceron 815 nenas, e reduciuse a un dos casos de entrega de nenas en adopción. Non houbo ningún infanticidio rexistrado, e fíxose seguimento a 1758 nenas.

Por outra banda, foron 54 as mulleres que se achegaron en 2014 ao centro de apoio ás mulleres para obter asistencia legal (herdanzas, divorcio, obtención de axudas e certificados, reclamacións) e/ou apoio psicolóxico (violencia de xénero, abandono). Desenvolvéronse actividades para o cambio nas percepcións e comportamentos de xénero por medio dos Grupos de Axuda Mutua (GAM): formáronse 18 grupos novos, o cal leva a un total acumulativo de 128 grupos que integran a 1515 mulleres. En total, estes grupos levan aforrado 70.000 euros dende o inicio do programa (19.850 dos cales durante este ano). Para que os grupos funcionen correctamente, as representantes que teñen cargos electos (sempre rotatorios) e que son as signatarias das contas bancarias reciben formación. Neste ano formáronse 32 representantes de 16 grupos dos catro bloques, e as integrantes de dous grupos recibiron capacitación laboral. 15 mulleres participaron en cursos de bordado, preparación de especias e fabricación de cepillos. Ademais, un total de 1236 mulleres procedentes de 101 grupos de aforro participou en sesións para tratar temas de xénero e dereitos das mulleres.

Dende 2013, ademais, veñen realizándose xornadas de sensibilización para homes, nas que se trata sobre todo a necesidade dun cambio de actitudes e comportamentos no ámbito privado. Neste ano pasado ofrecéronse 53 sesións de formación nas que participaron 559 homes. Co obxectivo de sensibilizar á mocidade con respecto a cuestións relativas á igualdade de xénero e mellorar os seus recursos xerais, organizouse tamén un curso de capacidades para a vida dirixido a adolescentes en diferentes aldeas nos que, durante este ano, participaron 701 mozas e 679 mozos.

En canto aos 74 clubs de xénero, que teñen o obxectivo de sensibilizar a mocidade sobre cuestións de xénero, contaron este ano coa participación de 473 mozas e 490 mozos. Realizáronse tamén campañas de teatro de rúa grazas ao equipo voluntario de 10 mulleres, que realizan actuacións en lugares públicos das aldeas para difundir mensaxes contra o infanticidio e outros aspectos relativos á igualdade de xénero. Neste ano, organizáronse obras en 69 aldeas ás que asistiron arredor de 6800 persoas.

Máis información
Arquivo: Erradicación do infanticidio feminino en Salem. Memoria anual 2014.
Álbum de fotos en Facebook.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche no enlace para maior información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies