
O programa foi levado a cabo pola organización local PDI e IMPLICADAS entre agosto de 2008 e decembro de 2013 co obxectivo xeral de contribuír á erradicación da pobreza en cinco suburbios e cinco aldeas mediante a aplicación de medidas de empoderamento das mulleres dende o punto de vista económico, social, político e de xénero. Os obxectivos foron acadados e as expectativas programadas mesmo superadas.
Este programa foi levado a cabo pola organización local PDI e IMPLICADAS entre agosto de 2008 e decembro de 2013 co obxectivo xeral de contribuír á erradicación da pobreza en cinco suburbios e cinco aldeas mediante a aplicación de medidas de empoderamento das mulleres dende o punto de vista económico, social, político e de xénero.
A avaliación de impacto levada a cabo demostra que os obxectivos concretos formulados foron acadados e as expectativas programadas mesmo superadas. Por exemplo, o aumento do número de nenas que acoden ás clases é superior ao previsto. Demóstrase asimesmo o impacto positivo e perdurable dos grupos de axuda mutua (GAM) na vida da comunidade. A través destes grupos, as mulleres non só melloraron as súas condicións económicas, senón tamén as súas condicións sociais e persoais, posto que os grupos favoreceron a súa mobilidade, a ampliación da súa vida social e o seu nivel de autoestima.
Os obxectivos
Os obxectivos específicos do Programa de Empoderamento de Mulleres en Tiruchy (2008-2013) foron dous: por unha banda, empoderar as mulleres, mozas e nenas no económico, social e político, así como nas cuestións de xénero, para capacitalas á hora de exercer os seus dereitos; por outra banda, crear un entorno social para a participación política e social da mulleres como fundamento dunha sociedade libre de discriminación e violencia de xénero.
Entre as estratexias para acadar estes obxectivos cobraron moita importancia os grupos de axuda mutua (GAM), os programas de alfabetización, os programas para mellorar as condicións sanitarias da poboación e as organizacións comunitarias de carácter autónomo.
As actividades
O programa levou a cabo unha serie de actividades concretas, entre as que figuraron a promoción e reforzamento dos grupo de axuda mutua (GAM), as campañas de sensibilización de xénero, a organización de cursos de apoio para as crianzas e de alfabetización para as persoas adultas, seguimentos de carácter sanitario das mulleres embarazadas e as familias, organización de campos sanitarios para facilitar o acceso da poboación aos recursos sanitarios, campañas sanitarias de prevención para sensibilizar a poboación con respecto á saúde e a formación de voluntariado sanitario, a través da cal algunhas persoas da propia comunidade adquiriron competencia para poder organizar campañas de prevención e identificar problemas sanitarios e derivalos ao servizo sanitario axeitado.
Programa de Empoderamento de Mulleres en Tiruchy II
O éxito do Programa de Empoderamento de Mulleres en Tiruchy levado a cabo entre agosto de 2008 e decembro de 2013 motivou que IMPLICADAS NO DESENVOLVEMENTO e PDI comezasen unha nova fase: o Programa de Empoderamento de Mulleres en Tiruchy II. Con este programa traballarase en cinco novas aldeas e cinco novos suburbios. Para facelo posible é imprescindible, agora máis que nunca, a colaboración e o apoio tanto das persoas socias coma do voluntariado.
0